A Asemblea Feministas recolle nas redes testemuños de mulleres que sufriron algún tipo de violencia
A Asemblea Feminista Paxaretas instala unha lápida no Salgueiral con todos os asasinatos de mulleres do 2021 e colocará un espello nos soportais do Concello con mensaxes para concienciar das diferentes violencias machistas. A través das redes sociais recollen testemuñas de mulleres que sufriron diferentes violencias machistas ao longo da súa vida.
Un ano máis a Asemblea Feminista Paxaretas levará a cabo unha campaña de concienciación e sensibilización respecto á violencia machista co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Eliminación da Violencia contra a Muller. Nesta ocasión, o colectivo feminista de Redondela porá o foco das súas actividades na violencia xudicial e vicaria. Denuncian procesos xudiciais e sentenzas como as da Manada ou a Maruxaina “onde as vítimas teñen que escoitar verdadeiras barbaridades”. Carolina Sertal, voceira do colectivo, sinala que tamén poñen o foco nos menores, que son vítimas da violencia machista “porque un maltratador non pode ser nunca un bo pai”.
Para dar visibilidade a esta violencia Paxaretas pon en marcha diferentes accións de rúa, coa instalación de elementos de denuncia e reivindicativos. No Salgueiral instalarán unha gran lápida na que se recollerán todos os nomes das mulleres e crianzas asasinadas como consecuencia da violencia machista. Por outra banda, nos soportais do Concello instalarán un espello con frases que fan referencia a actitudes e comportamentos machistas. Neste caso a acción vai dirixida aos homes, aos que convidan a reflexionar “sobre o tipo de home que queren ser, se queren converterse nun agresor ou nunha persoa que procura a igualdade real”.
A campaña de Paxaretas tamén está presente nas redes sociais. Ao longo de toda a semana están a recoller testemuños de mulleres que denuncian os diferentes tipos de violencias machistas que sufriron ao longo da súa vida.
Para mañá, 25 de novembro, Paxaretas fai tamén un chamamento á poboación redondelá para que se suma á manifestación convocada en Vigo polas plataformas feministas. Tamén adiantan que levarán ao cabo unha acción de rúa sorpresa “na procura de remover a conciencia da veciñanza ao respecto da violencia machista”.