O acto institucional celebrado na mañá de hoxe na Praza da Casa da Torre contou co espectáculo Iceberg, unha performance na que se reflexiona a través da danza, da música e da interpretación sobre a evolución que pode sufrir unha relación de parella dende o seu inicio máis romántico ata o sometemento da muller a mans do seu compañeiro.
O manifesto correu a cargo do alumnado do IES Mendiño e ademais de denunciar o número crecente de denuncias e vítimas puxo o acento nas violencias que se exercen dende ámbito dixital. “As cifras seguen aumentando dende que se comezaran a contabilizar datos en 2013” así arracnaba o manifesto ao que lle puña voz a alumna do IES Mendiño Julia Alfaya, quen lembraba tamén o empeoramento da situación da muller no contexto actual.
Recalcaba tamén a violencia machista dixital que afecta particularmente a poboación adolescente e que supón ter controlada a parella empregando as novas tecnoloxías que son tamén empregadas para acosar e dominar a vítima.
Precisamente este ano o Concello quixo centrar este 25N na loita contra as mensaxes machistas nas redes. Con ese obxectivo e baixo o lema “non deixes que te enREDen”, durante toda a semana estanse a desenvolver charlas nos diferentes centro educativos do municipio.
Insistía nesta cuestión a alcaldesa Digna Rivas, quen lembraba que o que se escribe nas redes sociais ou mensaxes que se intercambian polos sistemas de mensaxerías instantánea “poden ser tamén constitutivas de violencia machista”.
O programa de actividades en torno ao 25N rematan este venres coa gala do I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista que se desenvolverá no Multiúsos ás 20:00 horas.