Os últimos datos achegados pola Consellería de Sanidade contabilizan 109 persoas con Covid 19 no noso concello o que supón unha escalada continuada nos últimos 15 días, incremento que se intensificou durante a última semana pasando dos 58 casos contabilizados o pasado venres aos máis de cen que se contabilizan hoxe. Un incremento que tamén preocupa en Soutomaior con 20 casos positivos, mentres que se mantén en mínimos a incidencia en Fornelos de Montes (sen casos contabilizados) e en Pazos de Borbén (con menos de nove positivos).
Unha situación en Redondela que preocupa polo repunte continuado de casos na última semana con incrementos diarios que fan temer que a situación empeorará a curto prazo.
En Vigo a atención está centrada no estaleiro Freire que decidiu paralizar a súa produción logo de 76 afectados por un gromo que afecta sobre todo a traballadores de empresas auxiliares que participan na construción dun megaiate.
Este gromo contribuíu a disparar os casos na área sanitaria de Vigo, que se sitúa á cabeza en número de contaxios en Galicia. Detectáronse nun so día 256 positivos. Os casos activos superan os 1.800 e aumentan a 50 os enfermos hospitalizados, doce deles na UCI.