Un conflito no que nas últimas horas tamén se posicionaron os grupos da oposición: mentres PP e AER piden a dimisión da alcaldesa, o BNG reclámalle que deixe de dar bandazos nas negociacións.
O Partido Popular considera que ante a situación creada coa Policía Local, o Goberno local ten que asumir xa a súa responsabilidade. En xullo, logo de varios días nos que a vila estivo sen un so axente de servizo nas rúas, a alcaldesa anunciaba un “principio de acordo” para acabar con esta situación. Cinco meses despois daquel “anuncio propagandístico no que a alcaldesa daba a situación por solucionada” a realidade é que o luns non houbo axentes da Policía Local operativos. Algo que “demostra a incapacidade e ineptitude evidentes para dirixir o Goberno municipal” polo que esixen que Digna Rivas dimita como alcaldesa.
No mesmo sentido manifestábase a Agrupación de Electores quen solicita a intervención do PSdeG provincial, e máis concretamente do seu secretario xeral David Regades, e pídelle que convide a actual alcaldesa a abandonar un cargo para o que, segundo AER, non está capacitada. O motivo principal é “a ineptitude de Rivas na xestión do servizo da Policía Local de Redondela que, de novo, o pasado 6 de decembro volveu quedar sen efectivos”.
Críticas tamén dende o BNG que considera que o PSOE “tenta confundir á veciñanza co conflicto da policía” e acusa a Rivas de “dar bandazos na negociación do plus de productividade”. Relatan que dende que o conflicto se agravara no verán “o Partido Socialista, cometeu erros flagrantes, como pontear a mesa de negociación cos sindicatos” e insta a alcaldesa a sentarse a negociar “para poder actuar en minoría tén que redobrar esforzos para dialogar co BNG actitude da que carece este equipo de goberno”.