O Multiúsos da Xunqueira acolle este xoves ás 19:00 horas a presentación do libro póstumo de Santiago Rodríguez Salinas. A historia de supervivencia e adaptacións de milleiros de refuxiados que tiveron que pasar polos campos de concentración franceses tras a finalización da Guerra Civil española contada en primeira persoa. Un texto escrito nos anos oitenta que ve agora a luz publicado pola editorial Galaxia “para non esquecer uns feitos que nunca deberían volver repetirse”.
Un libro que durante décadas mantívose durmido nas seis copias mecanografadas por Santiago Rodríguez Salinas. Nas súas páxinas vai relatando o seu periplo dende o seu paso a Francia en febreiro de 1939 e o seu internamento en diferentes campos: Saint Cyprien, Le Barcares, Argelés ata o retorno a España, onde a súa vida non ía mellorar xa que sería internado nun camp ode concentración en Reus.
Unha dureza estrema nestes campos, construídos a toda presa preto da fronteira en forma de barracóns ou zonas vixiadas baixo a intemperie, moitas veces sen auga potable nin as mínimas condicións hixiénicas.
Santiago, sen esquecer esa dureza, lembra a capacidade de adaptacións dos alí retidos “o propósito esencial deste relato é narrar as condicións de vida dos refuxiados españois nos campos de concentración franceses e o seu excepcional espírito de adaptación para sobrevivir en condicións tan adversas, atopando sempre solucións insospeitadas para resolver os problemas que de continuo nos presentaba a nosa situación”. Faino en moitas ocasións botando man incluso do humor, do que Rodríguez Salinas facía gala, como lembra o seu fillo.
A presentación do libro será este xoves no Multiúsos nun acto que de seguro resultará emotivo e no que participarán ademais da súa familia, Raúl Francés, a escritora e xornalista Monstse Fajardo, o actor Roberto Leal e Tati Mancebo, da Editorial Galaxia.