A corporación municipal celebra este mércores día 22 o pleno municipal correspondente ao mes de decembro, no que entre outras cuestións está prevista a comparecencia do concelleiro de Interior para que dea explicacións sobre a crise no departamento da Policía Local, servizo que en varias ocasións estivo pechado pola falta de efectivos.
A Agrupación de Electores de Redondela solicita esta comparecencia co obxecto de que o edil Ignacio González Lago, dea explicación de como está a proceder en relación coa crise na xestión do servizo da Policía Local. AER esixirá que González se pronuncie sobre o asunto e que aporte de forma urxente solucións ao mesmo.
Concretamente, solicita que o concelleiro González dea conta de cantos encontros mantivo co xefe da Policía para buscar unha solución ou interesarse polas quendas de traballo, recursos ou métodos actuais de organización e que expoña que medidas ten adoptado para mellorar o servizo. En último termo, a Agrupación considera que é urxente que o actual concelleiro “se comprometa cos redondeláns e asegure que non vai a volver a quedar sen axentes algunha quenda”.
Lembran dende AER que a “falla de xestión” no servizo da Policía non é un caso illado e denuncian que non foi convocada a Comisión Informativa de Interior para explicar ao resto dos grupos políticos a situación de crise do servizo público nin as posibles solucións que se están a levar a cabo dende a Concellaría de Interior.
Unha crise que segundo AER “debería levar a alcaldesa a presentar a súa dimisión e abandonar un cargo para o cal non está capacitada”.