“Solicitamos o reforzo da Policía Nacional e de Protección Civil para paliar as baixas na Local”, así o explicaba o concelleiro de interior quen comparecía no último pleno do ano para dar explicacións sobre a situación do servizo da policía local. Unha comparecencia a petición de AER na que Ignacio González explicaba que a día de hoxe dos 25 efectivos cos que conta o servizo hai 10 que están de baixa por incapacidade temporal e dous por coidado do menor. Afirmaba tamén que estas baixas non se poden substituír “porque nese servizo non existe a figura do interino”.
Unha situación que se tenta paliar cun reforzo coa policía nacional e protección civil, a quen lle agradecía especialmente a súa colaboración porque malia ser un servizo non remunerado en todo momento traballan para garantir a seguridade. Lembraba tamén que se lle propuxo aos axentes realizar horas extras para cubrir o servizo “pero non houbo ningún voluntario”.
Lamentaba finalmente o edil o que cualificou de política de desgaste por parte de AER coa solicitude deste tipo de comparecencias na vez de colaborar coa solución do conflito que, a o seu entender, vaise manter unha vez que a corporación non aprobou o complemento de nocturnidade e festividade que ía beneficiar particularmente aos efectivos da Policía Local.