A Escola infantil de Cesantes permanece pechada “de facto” dende o pasado día 21 logo de que se detectaran 4 positivos entre os alumnos da clase o que obrigou aos 20 nenos do centro a gardar o correspondente confinamento. Está previsto que a rapazada regrese as aulas o vindeiro día 28, superada xa a corentena. Tamén un elevado número de contaxios os detectados no Colexio Santa Mariña, sobre todo entre o alumnado que acudía ao comedor.
Unha situación que en maior ou menor medida afecta en xeral a todos os centros, nos que se ten detectado un aumento de casos positivos pola enfermidade do coronavirus tras o parón de Nadal.
Dende a Federación de Anpas confirman este feito e apuntan o estrés que se está vivindo tamén no Colexios por mor das baixas dos profesores contaxiados ou contactos directos e que non en todos os casos están a seren substituídos. Así o apuntaba o presidente da Federación, Francisco Álvarez nos nosos micrófonos.
Un incremento de casos entre os escolares que afecta a toda Galicia onde a incidencia do COVID entre os menos de 12 anos multiplicouse por dous dende que se retomaran as clases segundo os datos do Ministerio de Sanidade. A dez de xaneiro en toda a Comunidade había 3.034 casos confirmados entre os cativos, onte esa cifra ascendía a 5.978.
A boa nova é o novo descenso experimentado no número de casos contabilizados pola Consellería de Sanidade que hoxe ascenden en toda Redondela a 763 o que supón unha caída importante respecto aos 851 contabilizados onte. Unha tendencia á baixa que se mantén e se consolida dende o pasado 21 de xaneiro.