O Grupo municipal popular, que criticaba con dureza na prensa e redes sociais “a inactividade do Goberno”, votou no pleno do xoves en contra da aprobación do GES Redondela-Mos proposto pola propia Xunta de Galicia e que o Concello de Mos xa aprobara no seu respectivo pleno municipal.
A alcaldesa, Digna Rivas considera “unha paradoxa” que logo de meses de críticas sobre este asunto cando o teñen sobre a mesa voten en contra. A negativa do PP ao GES, di a rexedora local “non so contradí un plan do seu propio partido na Xunta senón, que é o máis grave, prexudica a toda a cidadanía que, pola súa irresponsabilidade, queda desprotexida ante un sinistro”.
O Goberno socialista lembra que dende a súa chegada ao Concello “a creación dun servizo de emerxencias que cubrira as necesidades de Redondela foi, e segue a ser unha prioridade”. Tanto é así que, a pesar de que o convenio proposto “ten irregularidades, coñecidas sobradamente pola Xunta de Galicia e non é un convenio ideal, antepuxemos os intereses das veciñanza ao levalo a pleno para súa aprobación”.
Doutra banda, continúa a alcaldesa, “o PP coñece perfectamente que o atraso na contratación de persoal viu dada pola impugnación do CSIF as bases de contratación e a petición da suspensión cautelar das mesmas, coa conseguinte paralización dos trámites”. Malia a impugnación sindical, a xuíza que levaba o proceso de Mos, optou polo levantamento das medidas cautelares antes de ditar sentencia, polo que o Concello mosense puido levar a cabo a contratación de persoal.
Por contra, o xulgado encargado de resolver o asunto en Redondela, optou pola non suspensión das medidas cautelares ata que se ditou sentencia o 23 de decembro do 2021, o que impediu que o Concello redondelán puidera contratar o persoal antes. O Goberno socialista de Redondela “en dous anos, leva feito máis por dotar ao municipio dun servizo de emerxencias, que o PP nos oito anos que gobernou con anterioridade”, afirma a alcaldesa. Agora, dentro da súa clara liña de “obstrucionismo e poñer paus nas rodas”, votan incluso en contra dun proxecto da Xunta de Galicia que goberna o seu propio partido.
Digna Rivas asegurou á veciñanza que “o Goberno utilizará todos os medios que ten ao seu alcance para que Redondela teña o Servizo de Emerxencias do que o PP os privou nos últimos anos”.