A deputada autonómica Leticia Gallego visitou esta mañá os terreos coñecidos como “Finca da Ginaria” para esixir á Xunta de Galicia a construción dunha escola infantil para Chapela nesta parcela. Acompañada da alcaldesa, Digna Rivas, Gallego lamentou que desde o goberno autonómico se rexitase unha enmenda do PSdG aos orzamentos para incluír a súa construción. Advertiu que agora, coa achega de 34 millóns de euros do goberno central a Galicia para novas escolas infantís, demandan “que unha delas sexa a de Chapela”.
A rexedora local agradeceu o poio da deputada socialista, ao tempo que lamentou a actitude do goberno popular da Xunta, ao que acusa de ter “abandonada” a Redondela. Critica que malia ser unha “promesa electoral do PP en maio de 2019 a día de hoxe seguimos agardando”. Digna Rivas insistiu en que a escola infantil de Chapela “é unha necesidade urxente para as familias da parroquia” e lamenta que o PP “prime máis os intereses partidistas que os da veciñanza”.
Rivas lembrou que os terreos para a escola infantil de Chapela “están a disposición da Xunta dende marzo do 2021” e que agora que hai unha partida do goberno central “non hai excusas”. A alcadesa lembra tamén o caso das obras da Avenida Mendiño, pendentes tamén da Xunta de Galicia.