O Centro de Información á Muller do Concello de Soutomaior atendeu durante o pasado ano a máis de 200 mulleres da comarca e case 600 consultas, principalmente requirindo axuda psicolóxica ou xurídica. Así se recolle no resumo anual do CIM, presentado esta mañá no multiusos de Arcade xunto ao IV Plan Municipal de Igualdade polo alcalde, Agustín Reguera, e a concelleira de Igualdade, Cristina González.
Durante o 2021 atendéronse 137 consultas xurídicas, 76 sobre formación ou recursos laborais e 272 consultas psicolóxicas “que son fundamentais para que as vítimas sintan e comprendan que non están soas”, puntualizou González.
Do mesmo xeito, durante a presentación da memoria a concelleira destacou o esforzo realizado para facilitar a conciliación familiar a través de diversos campamentos infantís en todos os períodos festivos do curso escolar con campamentos en Nadal, Semana Santa e durante o verán nos que participan máis dun centenar de nenos.
Pola súa banda, Reguera destacou a realización do IV Plan Municipal de Igualdade, no que se inclúen dúas novas guías para fomentar a conciliación e a linguaxe non sexista no municipio.
O servizo que se ofrece no CIM é totalmente gratuíto, personalizado e confidencial. O equipo profesional está formado por unha psicóloga, unha asesora legal e unha axente de igualdade, que facilitan información sobre cuestións xurídicas (divorcios, separacións…), axuda psicolóxica e orientación laboral e educativa, así como calquera outra información encamiñada a fomentar a igualdade. Do mesmo xeito, desde o CIM tamén se ofrece asesoramento sobre os recursos para previr a violencia machista e presta apoio de diversas formas ás vítimas.