A Consellería do Medio Rural realizou diversas obras preventivas en zonas declaradas de alto risco de rexistrar incendios. Concretamente levouse a cabo a mellora de pistas forestais no concello de Fornelos de Montes, con traballos nas parroquias de Ventín, San Vicente de Oitavén e de Fornelos. Cun orzamento de 45.089 euros, executáronse rozas nas marxes das pistas, colocáronse pasos de auga naqueles lugares onde eran necesarios e realizáronse drenaxes, mesmo abrindo unha gabia e botando unha primeira capa de material de machaqueo e unha segunda de saburra natural clasificada. As obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que en 2021 realizou aactuacións en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.