A pasada xornada plantaron cara ao líder, malia rematar perdendo, e esta fin de semana xogan o derbi local ante o Rodosa Chapela.
O equipo de Moncho Pazos deixou unha excelente imaxe no partido ante o B.Lalín. Malia acudir con numerosas baixas, puxeron en apuros ao líder da categoría cun marcador moi igualado, aínda que finalmente acabaron perdendo por 20-23. O técnico lamenta que a falta de efectivos lastre ao equipo, que leva desde o mes de novembro sen poder contar con todos os seus xogadores, xa sexa por positivos de Covid, lesións ou compromisos laborais.
Polo de agora están a suplir as baixas con xogadores moi novos, grazas ao convenio co Cisne e tamén cos xuvenís da SAR. O adestrador marca entre os seus obxectivos seguir mellorando o xogo do equipo, tanto na faceta defensiva como en ataque, e recuperar xogadores para afrontar a segunda volta da competición “con garantias para salvar a categoría”.
Neste comezo da segunda volta a SAR é 14º, con 9 puntos, ten unha marxe de 4 puntos sobre o descenso, que marca o Galdar, e de 8 sobre o Rodosa Chapela, pechacancelas do grupo. Precisamente o conxunto de Chapela será o seu próximo rival nun derbi que sempre crea moita espectación. Pazos sinala que se trata dun partido cunhas caracteristicas “moi especiais”, xa que historicamente existe unha motivación “extra”. Aproveitando a liña ascendente do equipo nas últimas semanas confía en acadar un resultado positivo co apoio da afeción “e ampliar a marxe sobre os postos de descenso”.
A situación do Rodosa, que suma tan só 1 punto, é complicada. Con todo, quedan aínda 14 xornadas para seguir na pelexa. A seguinte cita, co derbio redondelán, será o sábado ás 18.30 horas no pavillón municipal Manuel González Soto.