Veciños e comerciantes da zona levaban anos demandando unha praza de Ponteareas “máis humanizada e con espazos para os peóns”. As obras de remodelación do espazo, que comezaron en setembro do ano pasado, van permitir que en pouco tempo ese desexo sexa unha realidade. Os traballos, que está previsto se rematen en xuño, levan meses causando molestias a veciños e condutores pero todos coinciden en que son “un mal necesario” para poder gozar deste novo espazo. Valle, que rexenta un local de hostalaría na praza, está convencida de que “paga a pena” malia que recoñece que as obras están a resultar un problema no seu día a día.
A praza de Ponteareas é a primeira imaxe da vila que reciben os turistas e peregrinos que chegan a Redondela procedentes da estrada nacional. E o seu aspecto “non estaba á altura do municipio”, como denuncian os veciños. A reforma vai “revalorizar” toda a contorna.
As obras, que xa permiten intuir como será o resultado final, contan co visto bo dos residentes, que están convencidos de que o resultado será “moi bo”, como sinala Olegario “xa que se vai elininar o tráfico e contará cunha zona para os peóns”.
A reforma supón unha transformación total desta entrada ao casco urbano, dando paso o asfalto a unha zona máis amable na que os peóns teñan prioridade sobre os vehículos. Con esta obra preténdese mellorar o acceso á vila polo Camiño de Santiago e pór en valor o antigo Convento de Vilavella e a súa igrexa, situados nun dos laterais da praza, e que agora “van lucir máis” como sinala Jose Antonio, grazas á que se rebaixou a cota do solo.
As obras tamén sacaron á luz restos dun muro de contención que é continuación da ponte histórica coñecida como A Marca do Rei, que transcorre sobre o Maceiras, e datada nos inicios do século XIX. Unha parte do muro, na zona sur da praza, vai manterse e quedará á vista “integrado na nova praza”, sinalan desde o Concello.
Agora a preocupación dos veciños é se cumpra o prazo de execución, de dez meses, e que os traballos estean rematados en xuño, algo que dubidan os residentes da zona “porque os traballos van moi lentos”. Con todo, desde a concellería de Urbanismo sinalan que se están a cumprir os prazos e a edil María Castro confía en que a obra estea rematada “en tempo e forma”.
A obra, cun orzamento de máis de 730.000 euros, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).