Foto: Patry Rivas
A adestradora da SAR Rodavigo fai un balance moi positivo do seu primeiro ano á fronte do conxunto de División de Honra Prata. Verónica Posada estreábase en categoría nacional, e facíao cun equipo “moi curto” en canto a efectivos, e coa incorporación de xogadoras moi novas, mesmo xuvenís. A SAR, que foi de menos a máis, ten cumprido hai semanas o obxectivo da permanencia.
Son novenas na táboa, e nas catro xornadas que restan buscarán acabar “o máis arriba posible”. Afrontan esta recta final “con moita ilusión” logo de ter mellorado tanto o xogo como os resultados nesta segunda volta. Nas dúas últimas xornadas tocoulles xogar lonxe de Redondela, e trouxeron dúas importantes vitorias de Canarias e Asturias. Consciente de que os partidos que quedan agora son ante rivais moi complicados, Posada amósase optimisma porque o equipo demostrou “que ten calidade para competir”.
Esta fin de semana volven xogar na casa. Reciben en Redondela ao Puerto de Carmen, un rival duro, que ocupa o 5º posto na táboa. Con todo a adestradora confía en facer un bo partido, como xa fixeron nas illas, e agarda que o factor “campo” xogue tamén ao seu favor.
Será o sábado ás 19.00 horas na Bomboneira