Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Luis Borines cede parte da súa colección de postais e imaxes antigas ao Arquivo Audiovisual

postais borines

A Concellería de Cultura ven de recibir 125 imaxes de principios do século XX de Redondela cuxa versión dixital pasa a formar parte do Arquivo Audiovisual de Redondela con vista a ser ampliada nos vindeiros meses. As imaxes van acompañadas dunha ficha descritiva na que Luis Borines explica as paisaxes de Redondela que nelas se recollen, a propia historia da postal e dos produtores da mesma. Deste xeito, a historia da tarxeta convértese nunha testemuña visual da Historia da vila de Redondela.

Luis Borines, veciño de Cesantes que comezaba aló polos anos 80, unha colección de tarxetas postais con remitentes ou destinatarios e destinatarias de Redondela, colección que ao longo dos anos foi engrosando con pezas que atopa en anticuarios, páxinas e tendas especializadas ao longo do mundo. Hoxe en día conta con máis de 300 obxectos de coleccionismo: tarxetas postais dos antigos Hauser e Menet, da Fototipia Thomas ou dos fotógrafos locais Díaz e Rodríguez ou Avelino Cal e Saturno Cal; cromos, fotografías, fotogravados de prensa antiga, … mais tamén dispar documentación coma facturas de antigas fábricas (EIMA, IME,..) ou almanaques de Redondela do 1904.

Trataríase de 600 imaxes aproximadamente, de fins do s. XIX e primeira metade do s. XX: a maior e máis antiga colección centrada en Redondela que se coñece hoxe en día. Parte desta colección foi recollida no 2001 no libro A memoria de Redondela. Álbum de Postais de Luis Borines e J. A. Xesteira editado por Xerais no 2001.

Tanto as imaxes coma a explicación das mesmas, abriranse ó público nos próximos días podendo ser consultadas de xeito presencial no Arquivo municipal, ou dixital a través da páxina web do Concello de Redondela e da Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu “á xenerosidade” de Luis Borines que permite á hora de compartir tanto as imaxes “como os seus amplos coñecementos sobre as mesmas”. A alcaldesa adiantou que dende a Concellaría de Cultura “estase traballando para poder difundir a súa colección tamén noutros formatos coma exposicións ou charlas explicativas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará