A Asociación de veciños de Chapela convoca a toda persoas que queira colaborar a participar este sábado 11 nunha xornada de limpeza de residuos na parroquia, concretamente na contorna do Río Maceiras, no tramo que percorre os barrios Igrexa e Laredo, tramos que reciben o nome de Segade e Espiñedo.
O punto de encontro será a antiga estación de tren de Chapela ás 11:00 horas, lugar dende onde se partirá ata chegar xa aos tramos nos que está previsto actuar. Ao rematar a actividade haberá algo para picotear e beber, “deste xeito poderemos compartir a ledicia do traballo común e ter un tempo para coñecernos e intercambiar experiencias” explican dende o colectivo veciñal.
Ao igual que en edicións anteriores contarase coa participación do alumnado dalgúns centros educativos da contorna. Para animar a participación, especialmente da xuventude, haberá sorpresas agochadas como pequeno xogo e ao final repartiranse obsequios para os descubridores.
Lembran ademais a importancia natural que presenta este río no que se atopan elementos diversos do patrimonio etnográfico como un lavadoiro, varios muíños e unha ponte de pedra.