O litoral de Chapela viviu o sábado unha verdadeira festa do remo. O C.M.Bueu-Teccarsa proclamouse campión da IV Bandeira Chapela-Concello de Redondela e C.R.Cabo da Cruz na VII Bandeira Feminina Concello de Redondela. Pero a terceira serie da liga A non estivo exenta de polémica. Algúns clubs protestaron, pois no momento que se daba a saída o tren de boias desequilibrouse, o que puido afectar ás ciabogas posteriores. Con todo, a vitoria do C.M.Bueu-Teccarsa foi clara, malia que algúns equipos mesmo solicitaron que a regata non fose puntuable para a clasificación da liga. Samertolameu foi segunda, Tirán-Pereira ocupou a terceira posición, en cuarto posto quedou Rianxo e os anfitrións do Chapela-Wofco remataron quintos. A outra embarcación local, Cesantes-Rodavigo, acabou 11º.
Na Liga Feminina Cabo imponse a Chapela nos últimos metros
Na categoría feminina a vitoria foi para Cabo da Cruz malia a gran regata realizada polas anfitrioas de Chapela-Wofco, que remataron cedendo e foron segundas a menos de 9 segundos de distancia. O terceiro e cuarto posto foron para Tirán-Pereira e Mugardos, xa moi por detrás das súas primeiras.
Samertolaméu gaña no Grove e recorta distancias con Bueu
Gran regata a celebrada onte no Grove coaa XI Bandeira Virxe do Carme da liga A, con vitoria de S.D.Samertolaméu-Oversea sobre o seu directo rival CM.Bueu-Teccarsa, o que lle permitiu recortar un punto co lider na xeral e seguir vivo na pelexa polo título.Tirán-Pereira foi terceiro e en cuarta posición rematou Chapela-Wofco. Os redondeláns fixeron unha gran regata, venceron na segunda serie nunha dura pelexa con Mecos, anfitrións da proba. O resultado déixaos tamén de novo na cuarta praza xeral, o que os sitúa na quenda de honra xunto con Bueu-Teccarsa, Samertolaméu-Oversea e Tirán-Pereira.
Descanso agora na Liga Galega A de traiñeiras, que regresará os días 13 e 14 de Agosto. Esta fin de semana celébrase o Campionato de España de Traiñeiras en Castropol, Asturias.