A plataforma Encoro Non vén de colocar unha serie de paneis informativos en lugares estratéxicos para visibilizar que se quere anegar un paraíso, Unha acción reivindicativa que supuxo a colocación destes paneis nas praias fluviais de Gaxate, A Lama, Vilán, Ponte Caldelas, nos ríos Verdugo e Oitavén (Fraga e Forzáns)e a ponte colgante de Soutomaior, entre outros.
Membros da Plataforma en Defensa dos Ríos Verdugo e Oitavén-ENCORO NON proceden nestes días á colocación dunha serie de paneis informativos en lugares estratéxicos dos catro concellos afectados polos estudio encargado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil que prevé a construción de dous encoros (Forzáns e A Fraga) e o transvasamento de auga procedente dos ríos Verdugo e Oitavén.
Estes paneis divulgativos pretenden amosar aos numerosos visitantes e á propia veciñanza o impacto negativo que tería na biodiversidade e no patrimonio natural da zona a construción deses encoros e o transvasamento xa que se realizaría sobre un espazo natural único, un auténtico paraíso, en lugar dun páramo ermo como se pretende dar a entender á cidadanía e á opinión pública.
Así, colocáronse paneis divulgativos da riqueza da flora e da fauna existente nas ribeiras dos ríos Verdugo e Oitavén e que se verían seriamente ameazadas se prosperara algunha das propostas recollidas no estudio da Confederación.
Os paneis divulgativos están feitos en material biodegradable, especialmente tratado para non perxudicar ao medioambiente e integrarse perfectamente no medio no que se insiren. Recollen a través de láminas moi gráficas e explicativas as consencuencias negativas das distintas alternativas baralladas polo estudio da Confederación e se aposta polo uso responsable e sostible da auga. Ademais, recóllense imaxes e pequenos textos explicativos das especies endémicas e en vías de extinción que viven na zona afectada e que desaparecerían definitivamente no caso de que prosperaran e se puxeran en marcha as distintas propostas deste estudio da Confederación.