As usuarias reciben asesoramento en cuestións como a custodia de menores, pensións alimenticias ou violencia machista.
O Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior presta servizo e asesora en materia de igualdade e violencia de xénero tamén ás mulleres de Pazos de Borbén e Vilaboa. O centro conta con tres profesionais (a axente de igualdade, a asesora xurídica e a psicóloga e directora) e atendeu desde 2015 a un total de 745 mulleres en temas moi diversos, principalmente relacionados coa custodia de menores, pensións alimenticias ou violencia machista. O servizo recibiu este ano un apoio económico da Xunta -53.275 euros- para garantir o seu funcionamento. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou onte o centro e en valor o traballo diario que desenvolve o persoal profesional que está ao fronte. En palabras de Lorenzana, os CIM configúranse como un conxunto de “recursos de proximidade” desde os que se articula unha “intervención global” dirixida especificamente ás mulleres, prestando servizos multidisciplinares como asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación sociolaboral, así como calquera outro tipo de información encamiñada a apoiar ás mulleres para a consecución da igualdade plena. A conselleira destacou o compromiso da Xunta cos CIM, onde lembrou que “calquera muller que o precise pode dirixirse para atopar asesoramento en materia de igualdade e violencia de xénero”. Lorenzana afirmou que a Administración autonómica traballa para ampliar esta rede e chegar ao 100% dos concellos galegos.