O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu en Compostela á artista redondelá
A cantautora redondelá foi elixida polo xurado internacional para actuar no Worldwide Music Expo, o Womex, que este ano se celebra en Lisboa. Sheila Patricia viaxará á capital portuguesa con Orixe, o seu primeiro LP. É tamén o seu proxecto máis ambicioso e persoal, no que aposta polas súas raíces musicais con tinguras de vangarda e mesmo ritmos de world music, confirmándose como unha das voces máis prometedoras do actual panorama musical galego. A artista amósase “feliz e agradecida” pola súa participación neste certame. Todo un recoñecemento ao seu traballo, xa que se trata do máis importante festival de músicas do mundo.
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu en Compostela a Sheila Patricia, co gallo da súa selección dentro do programa oficial da XXVIII Worldwide Music Expo, onde viaxará coa colaboración do Goberno galego. Este encontro itinerante está considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música de raíz de todo o mundo. Celébrase do 19 ao 23 de outubro en Lisboa.