Despois de dous anos de parón pola pandemia, os veciños da parroquia de Moscoso, en Pazos de Borbén, recuperan este domingo a súa tradicional celebración gastronómica, a Festa da Chula, que xa suma 20 edicións dende os seus inicios no ano 2001. A celebración contará coa animación dun grupo de música popular durante a festa e o clásico pregón que correrá a cargo de Rita do Fardán.
A festa naceu coa idea de dotar a este municipio dunha cita gastronómica que servira para atraer a veciños doutras localidades. Buscouse un produto típico da zona como é a chula, simular á “filloa” e que foi base de sustento da poboación desta aldea noutros tempos. Millo, ovos e leite eran suficientes para a realización dunha chula que agora se converteu en raíña da celebración e que se serve do xeito tradicional, a base de cabaza e tamén como filloa doce con chocolate. Elaboradas maioritariamente con produtos da casa doados polos veciños.
Para garantir aos asistentes que poderán pasar unha xornada de convivencia no lugar poderán degustar racións de polbo, churrasco, callos acompañados doutros doces tradicionais e diferentes preparacións da chula.
Os organizadores confían en ter o mesmo éxito dos últimos anos, antes do parón da pandemia, cando eran arredor de duas mil as persoas que se achegaban nesa xornada a esta parroquia. Inmaculada González lembra que na última edición chegou incluso un autobús de Vilagarcía e insiste “son moitos os motivos para visitar Moscoso: quen ven unha vez, repite”.