Procedeuse a substituír as antigas luminarias de vapor de sodios por outras con tecnoloxía LED. Amais de permitir un sensible aforro enerxético contribúen á diminución de emisións de CO2 e melloran as condicións de alumeado da zona
En total cambiáronse un total de 22 puntos de luz que, mellorando as condicións de luminosidade do paseo, permiten un notable aforro na factura eléctrica, contribúen a redución de emisións de CO2 á atmosfera (ao non xerar calor) e teñen unha vida útil moito máis longa, máis 50.000 horas fronte ás 12.000 horas do actual alumeado.
Cómpre lembrar que as actuais lámpadas de vapor de socio, aínda que teñen unha boa eficiencia, ofrecen luz de baixa calidade, cunha soa frecuencia de espectro que impide que se distingan as cores e que, ao igual que o resto de lámpadas de descarga, teñen entre os seus compoñentes chumbo e mercurio.
A renovación do alumeado no paseo da praia de Cesantes é o primeiro paso do que a alcaldesa Digna Rivas cualificou como “un ambicioso proxecto” de optimización do alumeado público no municipio “un servizo básico para a cidadanía ao mellorar non só a comodidade á hora de realizar desprazamentos nas horas nocturnas, senón tamén as súas condicións de seguridade”.
A mellora dos servizos básicos á cidadanía, e de maneira especial o alumeado público das parroquias, é unha das prioridades do goberno socialista dende a súa chegada ao Concello consciente de que “non pode haber veciñanza de primeira e de segunda dependendo do seu lugar de residencia”, afirma rotunda a alcaldesa de Redondela, “a veciñanza paga os seus impostos e, polo tanto, todos e todas teñen dereito a uns servizos públicos de calidade”, conclúe a rexedora local.