Os programas «Redondela Benestar» e «Axil-Mente», organizadas pola Concellería de Serivoz Sociais e de carácter totalmente gratuíto, buscan proporcionar ás persoas participantes as ferramentas precisas para coidar a súa saúde física e mental
«Redondela Benestar» terá aberto o seu prazo de matrícula entre os días 12 e 23 de setembro para comezar as actividades no mes de outubro. As prazas serán adxudicadas por estrita orde de inscrición e as actividades se desenvolverán en Redondela, Chapela, Cabeiro, Reboreda, O Viso (Saramagoso) e Ventosela.
A través de exercicio físico de baixa intensidade, especialmente deseñado para persoas maiores ofrece todas as vantaxes que, segundo os especialistas, ofrecen as actividades físicas para persoas maiores como o incremento da sensación de benestar xeral, mantemento de peso, redución de riscos como diabetes ou hipertensión ou diminución do estrés e insomnio, entre outras.
Pola súa banda «Axil-Mente» terá de prazo de inscrición do 7 ao 15 de setembro para comezar a súa actividade o mércores 21 de setembro. A inscrición pode formalizarse nos rexistros habilitados do Concello de Redondela presentando a ficha de inscrición debidamente cuberta e unha copia do DNI.
As clases desenvolveranse no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela. En Redondela as actividades impartiranse os mércores (de 09.30 h a 10.45 h) e os venres, data na que haberá dous grupos, un de e 09.30 h a 10.45 h e outro de 11 h a 12.15 horas. En Chapela, as clases serán os xoves con dous horarios, de 10 h a 11.15 horas e de 11.30 h a 12.45 horas.
«Axil-Mente» propón ás persoas participantes unha serie de exercicios especialmente deseñados para exercitar todas as partes do cerebro, permitindo mellorar a destreza mental e facilitanto a concentración, a capacidade de reter información, diminuír o nivel de estrés e atrasar a aparición de enfermidades neurodexenerativas.
Finalmente, o Concello de Redondela, co cofinanciamento da Xunta de Galicia, colaborará na posta en marcha de outras dúas actividades, unha dirixida ás persoas maiores –Mantén activa a túa mente– e outro ás mulleres –Formación TIC Mulleres do Rural– para que poidan adquirir competencias dixitais tanto básicas como avanzadas e competencias dixitais para o emprego.