O sinal de Cedeira é un dos que desapareceu nos últimos días
A Concelleira lamenta a desaparición dalgún dos sinais instalados en diferentes puntos do concello nos que se advertía desta prohibición do paso de tráfico pesado en tránsito por Redondela. Medida que entrou en vigor o pasado mes de agosto.
Descoñecen quen estaría detrás da desaparición de ditos sinais en Cedeira nas proximidades da rotonda do Mercadona, na entrada en Redondela por Mos, en Vilar e o sinal instalada nas inmediacións do aeorporto, en todo caso insiste en que, malia as demandas do Concello de Pazos para que este tráfico pesado se reabra “a decisión é firme e debería terse tomado hai anos, porque o casco urbano non está preparado para soportar o tráfico de camións”.
Lembramos que o Concello de Redondela pechou o tráfico pesado en tránsito polo centro da vila a mediados de agosto. Unha actuación aplaudida pola veciñanza, principalmente polos residentes no casco urbano, pero que provocou queixas por parte dos empresarios e veciños das parroquias de Amoedo, Cepeda e Nespereira (en Pazos de Borbén). Segundo o alcalde de Pazos, Andrés Iglesias, o peche ao tráfico pesado a través de Redondela e a PO-250 supón “unha decisión catastrófica para o polígono de Amoedo xa que pon en risco a viabilidade das empresas e en consecuencia a estabilidade laboral de moitos veciños de Pazos de Borbén”.
En resposta a estas acusacións, o goberno local de Redondela mantense firme na súa decisión xa que considera que “a Vila non ten porque sufrir as consecuencias de que grandes camións circulen polo Casco Urbano para dirixirse a un polígono doutro municipio”.
María Castro, do mesmo xeito que xa fixera a alcaldesa, Digna Rivas, insistíu en que , “a responsabilidade do acceso aos polígonos industriais é do Concello de Pazos de Borbén” e que o seu goberno tivo máis de 3 anos para actuar e buscar unha solución axeitada.