O Club de Atletismo de Redondela (CAR) xunto a comisión de pais e nais que reivindican a construción dunha pista de atletismo no noso municipio “de acordo coas necesidades deportivas dun concello da dimensión de Redondela”, barallan como mellores opcións os terreos cedidos polo ADIF en Quintela ou a antiga feira do gando. Propostas que tentarán negociar co goberno local nunha reunión que se celebra o vindeiro luns día 7.
A zona da antiga feira do gando sería a opción ideal pola súa ubicación, no centro da vila e na zona escolar e deportiva da Marisma. Un espazo que permitiría construír unha pista de 200 metros cuberta, tal e como explica o presidente do CAR, Manuel Ulla.
Insisten en que a actual proposta que está sobre a mesa non é axeitada e reclaman ao Concello que renuncie ao proxecto previsto para o IES Illa de San Simón “ao estar nas instalación dun centro educativo non se poderían usar en horario lectivo e ademais carece das medidas regulamentarias, non ten zona de saltos nin de lanzamentos. Carecería tamén de vestiarios e de almacén para material”.
En menos dun mes reuniron xa máis de 1500 sinaturas que apoian as súas protestas, tanto a través da plataforma change.org como de xeito presencial. Ademais, dentro das actividades reivindicativas que realizan, seguirán adestrando na Alameda o último xoves de cada mes para darlle visibilidade ás súas demandas.