O BNG convoca este domingo unha nova mobilización contra o “desmantelamento da sanidade no concello” e para esixir máis persoal para o centro de saúde de Arcade “actualmente baixo mínimos, o que está a provocar demoras insoportables na atención aos pacientes”. A manifestación está convocada para ás 12:30 hora do vindeiro día 20, con saída dende o cruce de Pierres e remate fronte ao Centro de Saúde.
O voceiro do BNG, Manu Lourenzo, que durante a mañá de hoxe participou no reparto de información ás portas do centro de saúde explica que os cupos de pacientes que corresponden aos facultativos neste centro son xa de por si excesivos, pero que a situación colapsa cando algún dos profesionais está de baixa ou de vacacións. Precisamente iso é o que está a pasar estes días “nos que tan só hai un médico de tres, non hai pediatra e faltan varias enfermeiras e os pacientes estanse a atopar sen atención”.
Explica ademais que as listas de agarda son insostibles “con veciños enfermos que solicitan cita e non teñen a posibilidade de acceder a atención primaria antes de 15 días”. Unha situación que, insiste Lourenzo, “non é algo puntual, senón froito das políticas do PP de desmantelamento da sanidade pública a favor da privada”.
Cualifican de “cortina de fume” que ante esta situación a resposta do goberno galego sexa anunciar a construción dun novo centro de saúde na localidade “preguntámonos se o Conselleiro de Sanidade e o alcalde de Soutomaior pensan que o formigón vai curar ás persoas, non o que esiximos son persoal sanitario que atendan aos nosos fillos e os nosos maiores cando están enfermos”.