O BNG, convocante da manifestación, cualifica a protesta de todo un éxito logo de que un milleiro de persoas saíra a rúa na mañá de onte en defensa da Sanidade Pública e “ante a falta sistemática de médicos no centro de saúde”
Uns asistentes que acudiron a protesta acompañados de chiflos e cacerolas baixo o lema “Berra pola Sanidade Pública”. A veciñanza estivo acompañada polo deputado galego Luís Bará e por todo o Grupo Municipal do BNG de Soutomaior, co deputado e portavoz municipal Manu Lourenzo á cabeza, o cal amosou o seu orgullo ante a que denominou “a manifestación máis multitudinaria que se recorda en Soutomaior”.
Insistiu en que é inasumible para os pacientes que a única solución que lles dea dende o Sergas sexa unha cita para dentro de 15 días. Así mesmo manifestou a súa carraxe ante o feito de que “os nosos maiores, despois de anos traballando e cotizando para ela, agora non teñan a sanidade que merecen no seu propio concello, e ante unha doenza, teñan que, no mellor dos casos, pasar longas horas nas urxencias de montecelo, ou que xoguen coa saúde das nosas fillas e fillos tendo a Soutomaior máis dun mes sen pediatra”.
Rematou anunciando que “fronte aos recortes do PP na Xunta e os silencios do PP no concello, con Agustín Reguera á cabeza, o BNG e a veciñanza de Soutomaior téñeno claro, e van continuar berrando, na rúa, nas institucións e ala onde faga falta até que Soutomaior teña a atención sanitaria que merece e precisa”.