“Saborea o outono” é a proposta que nos deixa o Concello de Soutomaior para esta fin de semana. Será o sábado na Alameda de Talo Río con actividades para todos os públicos dende as doce do mediodía e ata a noite, nun espazo no que se poderán ademais comprar produtos de horta de proximidade e viño da zona así como mel e queixo.
As actividades arrancarán ás doce coa apertura dos stands e unha cata comentada dos viños do concello. Ás dúas da tarde haberá un aperitivo musical co grupo tradicional “Armámola boa” e xa pola tarde poderase asistir a unha master class orientada ao público infantil na ue aprenderá a elaborar pizzas con sabor a outono.
As seis arrancará o espectáculo musical Marifaltri e os asistentes poderán gozar dunha chocolatada de balde. Unha hora despois celebrarase unha showcooking de porco celta co cociñeiro Cristian Ramos. O peche do día será cun magosto e reparto de castañas de balde a partir das 20:00 horas e o espectáculo musical con Ultrafónicos band.