A biblioteca Valle Inclán acolle este venres 2 un obradoiro familiar que leva por nome “O lar das palabras” orientado a familias con nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. Unha actividade de balde na que é preciso inscribirse na propia biblioteca ou no teléfono 986401561.
O obradoiro arranca cun conto, “O lar das palabras”, e a partir de aí esas palabras correrán entre o público, sensibilizando ás familias sobre a necesidade de conservar e manter vivo o galego, empregándoo no fogar e facendo da lingua un momento de encontro, de afecto, de lecer e de diversión.
Despois do conto, os participantes realizarán diferentes actividades: tomarán nota nun caderno moi especial, que levarán para casa, construíndo o seu propio dicionario, fabricarán unha pulseira coa súa palabra galega favorita e moitas outras cousas. Así nolo explicaba dende a biblioteca Mª Elena Becerra.
“O lar das palabras” é unha actividade realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. Está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e conta coa colaboración das Bibliotecas Municipais de Redondela.