O Circo de Nadal, instalado na rúa Castelao xunto ao Alcampo de Coia, abre as súas portas este mesmo venres baixo a dirección da clown viguesa Isa Belui e a produción do redondelán Xandre Vázquez. Un espectáculo completamente renovado con artistas procedentes de diferentes partes do mundo que queren sorprender a un espectador que xa apostou o ano pasado por regresar ao circo e gozar do “espectáculo máis antigo do mundo”.
Logo de meses de traballo e a tan só unha horas de subir o pano, Xandre Vázquez non disimula os nervios propio dunha estrea deste calado. “Foron moitos meses de traballo, primeiro buscando e contactando con artistas que ofreceran números variados e posteriormente argallando unha historia que serva para fiar un número con outro. A iso hai que engadir un importante investimento económico, que poderá achegarse aos cen mil euros se sumamos a compra de material, aloxamento, vestiario, salarios…”.
En todo caso, confía nun espectáculo que xa o ano pasado contou co apoio do público –máis de 15.000 persoas pasaron pola carpa do Circo de Nadal- e que regresa completamente renovado. Explica Vázquez que “o que buscamos é sorprender aos noso público, con disciplinas tan variadas como clown a cargo da propia directora do espectáculo, straps, corda frouxa, aro aéreo, malabares con balón, lanzacoitelos… e outros números que proceden de países e lugares diversos”.
A historia busca ser unha homenaxe a panificadora de Vigo polo que se sitúa nunha fábrica de pan que queda sen sal debido a que todo o produto é requisado polo goberno para facer fronte a unha nevarada inesperada. Nace así un relato teatralizado que serve de fío condutor para os diferentes número que se poderán ver na pista do Circo de Nadal.