A maxia do Nadal chega ao comercio de Redondela. Para premiar a fidelidade dos seus clientes presentan a tradicional Campaña de Premios de Nadal, con máis de 4.000 premios directos nos rascas dos establecementos asociados tanto de Chapela como de Redondela.
A Asociación de Empresarios de Redondela retoma nesta altura do ano as iniciativas que buscan fidelizar aos clientes e animar a que a veciñanza faga as súas compras nos establecementos da vila. Por ese motivo, o comercio de proximidade tanto de Redondela como de Chapela aposta por ofrecer a súa clientela as mellores ideas para regalar, e ademais a posibilidade de obter premios directos e participar nun gran sorteo final de 3.000€ en vales de compra.
Serán máis de 4.000 premios directos, con ata 8.000€ en premios directos en efectivo e 1.000 agasallos sorpresa os que estarán escondidos nos rascas dos establecementos da localidade. Nunha aposta clara e decidida polo comercio tanto do centro da vila como de Chapela, a campaña desenvolverase en ambos os dous núcleos comerciais. Contan ademais co apoio do Concello coa distribución de bolsas e está marcada por unha decoración temática baseada no conto dos Crebanoces que traerá sorpresas durante o Nadal.