Redondela participa en Fitur por primeira vez na historia do municipio con dous recoñecementos especiais, ademais da participación dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. O stand institucional de Galicia disporá dun mostrador especificamente dedicado á Q de Calidade Turística onte se dará a coñecer a Batalla de Rande que recentemente recibía esta distinción. Contará tamén co recoñecemento Premio Eidos-Redondela: ao Cemiterio máis bonito de España, cunha presentación individual dentro dos recoñecementos especiais de Turismo Galicia.
Dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, Redondela presentará ademais a súa proposta “Degusta” centrada na gastronomía e na que non falta o Choco de Redondela.
A alcaldesa Digna Rivas destacouse que “este ano ademais de presentar a Redondela dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, estou moi orgullosa de poder decir que levamos dous recoñecementos especiais por primeira vez na historia do municipio. Todos estes anos de traballo tiveron o seu froito, pois os profesionais e representantes institucionais da industria turística valoran a cantidade e calidade da nosa oferta”.
Tras a maior crise xerada pola pandemia, Fitur será o escenario que confirme a recuperación/aproximación das cifras de 2019. Algo do que o Concello de Redondela está singularmente satisfeito, pois segundo apunta Rivas “Redondela non só recuperou os datos previos a pandemia senón que os mellorou superando as cifras de visitantes nun 30% respecto ao 2018. Segundo datos da oficina de turismo, acadamos os mellores resultados dos últimos 5 anos”.
Outras propostas turísticas das que presumirá Redondela son a Festa da Coca, o Festival Internacional de Monicreques, o Artelixo, os Maios e a Festa dos Fachos.