O ente provincial lanza o programa “Canteira de igualdade” orientado a mocidade de ensino secundario. O curso comezará o 28 de xaneiro con 20 prazas para as que está aberta a inscrición. Terá lugar todos os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas na sede provincial de Vigo como complemento da formación feita en institutos, entre eles os de Redondela, na que xa participaron máis de 400 mozas e mozos da provincia.
As persoas que se inscriban na web www.depo.gal participarán no programa que ten o obxectivo de formar axentes de cambio feministas, crear “canteira” e impulsar unha mocidade partícipe do cambio. O curso, de 50 horas de duración, completa a primeira quenda do programa que tivo lugar no último trimestre de 2022 en centros de ensino de Baiona, Cangas, O Grove, As Neves, Redondela, Salvaterra e Vigo e na que participaron xa máis de 400 mozas e mozos.
Neste curso de “Canteira de Igualdade” desenvolveranse diversos módulos que abranguen os conceptos básicos de formación feministas a través de 40 horas de formación presencial e 10 horas de traballo práctico orientado, coordinado e avaliado. Entre as cuestións que se abordarán, cos títulos de “Nin barbies, nin malotes”, “A división sexual do traballo”, “Sex Education: o corpo e a sexualidade”, “Paracetamor para benamar: a división sexual do amor”, “Redes sociais”, “O lado máis escuro” e “Historia do feminismo”, inclúense conceptos básicos como xénero, patriarcado, androcentrismo, sexismo, machismo, feminismo, violencia machista simbólica e material e linguaxe non sexista. Tamén outros relacionados coa socialización diferencial, a lei do agrado, os coidados, a dependencia e a submisión, a feminidade tradicional, os mandatos da masculinidade, a masculinidade hexemónica e as masculinidades alternativas, Luisa Abad, Premio á Innovación Educativa en prevención da violencia de xénero ou Amada Traba, con máis de tres décadas de experiencia asesorando no campo da socioloxía de xénero e políticas de igualdade, entre outras.