Técnicos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia localizaron o foco no marco dunha inspección rutineira. As mostraxes confirmaron a contaminación no lugar de Angorén, na parroquia de Chapela. Augas de Galicia notificoulle ao Concello esta situación e solicitoulle a adopción de medidas para emendar a achega contaminante. Os técnicos da Xunta constataron recentemente o cese do vertido, tras a reparación da infraestrutura de saneamento municipal
O foco contaminante fora identificado no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Os técnicos da Xunta desprazados á zona, localizaron a orixe da afección no lugar de Angorén, na parroquia de Chapela.
As mostraxes efectuadas polo persoal de Augas de Galicia no foco permitiron confirmar a existencia de contaminación procedente das filtracións existentes na infraestrutura de saneamento desa zona.
Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Redondela para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.
Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron a reparación da infraestrutura de saneamento municipal, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.