Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Aer denuncia a parálise do goberno local na execución do proxecto de Vilavella

vilavella

A nave de Vilavella segue pendente de demolición

A formación lembra que tras case dous anos desde a compra da parcela o goberno de Rivas “segue sen demoler as edificacións actuais”. Instan a que se aceleren os trámites de cara a transformar este zona industrial nunha contorna pública con zonas verdes e aparcadoiro.

A Agrupación de Electores de Redondela denuncia a paralización do proxecto da parcela de Vilavella e urxe ao goberno de Digna Rivas para que actúe de inmediato nunha infraestrutura de alto valor para Redondela. De feito, recordan desde a Agrupación que foi na primavera do 2021 cando o Concello anunciou a compra do edificio anexo ao Convento de Vilavella e a súa correspondente parcela e, desde entón, non se ten avanzado nada. “A punto de cumprirse dous anos, todos podemos ver que nin sequera se levou a cabo a primeira fase do proxecto: a demolición completa do inmoble e da nave industrial. As dúas edificacións seguen intactas e, loxicamente, namentres non se produza o derribo non se pode avanzar”.

En canto aos motivos do retraso, a AER manifesta que xa denunciara en outubro de 2022 a súa preocupación por se a compra da parcela non incluíra a propiedade da rampla traseira para o seu acceso. “Malia que o goberno asegura ter todo baixo control, temos serias dúbidas de que esta rampla siga a ser privada, dos antigos propietarios”, insisten desde AER. Asemade, continúan, “a isto engádese que Augas de Galicia emitiu unha resolución sobre ese proxecto indicando que hai que respectar unha franxa de cinco metros dende o borde do Maceiras”.

Por último, conclúen os membros de Agrupación, “queremos pensar que os motivos da inacción do goberno neste proxecto non son de tipo electoral xa que, a estas alturas é imposible que o proxecto arranque antes das eleccións municipais e pode ser que Digna Rivas entenda que non lle vai dar rédito electoral”.

Desde AER fan un chamamento para que Digna Rivas impulse definitivamente este proxecto que ten un gran valor para a veciñanza. Valor medioambiental, polo que supón de transformación dun espazo industrial nunha área verde, un espazo privado nun espazo público; como de mobilidade, permitindo a recuperación peonil doutros espazos urbanos; patrimonial, xa que o Convento de Vilavella recuperará a súa configuración inicial eliminando o feísmo urbanístico cun edificio industrial que aínda segue en pé e turístico, xa que redundará na posta en valor nun espazo polo que transcorre o Camiño de Santiago.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará