Un proxecto pioneiro de Normalización Linguística dirixida ás escolas de Educación Infantil que pretende inculcar o uso da lingua galega entre os cativos e cativas de 3 anos, a quen se lles entregará unha “Cápsula do tempo” composta por unha caixa de agasallo na que se poden atopar libros que fomentan o uso do galego, unha bolsiña da merenda, lapis de cores ou unha fiambreira.
Este é resultado dun traballo colectivo entre o Servizo de Normalización e os equipos de dinamización dos centros escolares públicos de Redondela aos que a alcaldesa, Digna Rivas “agradece a súa colaboración e participación, así como o interese dos equipos directivos dos distintos colexios que solicitaron participar”.
Dentro dos libros escollidos para formar parte deste agasallo atópanse os contos de Kalandraka cos cales aprenderlles palabras en galego; un libro dirixido aos pais e nais, didáctico, divertido, fácil de ler, no cal a través de 7 anécdotas se tratan cuestións sobre a situación social da lingua galega e os beneficios da educación bilingüe; e a “obra estrela” que sería A Cápsula do tempo que segundo Rivas “acompañará aos vosos fillos e fillas en cada curso”. A rapazada deberá completar o exercicio que se recolle nese libro que quedará gardado na escola para converterse nunha auténtica cápsula do tempo. Cando rematen o período escolar, en 6º de primaria, no acto de despedida entregaráselles a cada un o seu libro que será un recordo vivo do paso pola escola e tamén da súa relación coa lingua galega”.
Unha iniciativa que segundo Rivas “ten a intención de contrarrestar a perda de galego falantes, unha realidade constatada dende hai anos e quere ser unha mostra do compromiso firme de Redondela co idioma”.