Os traballos permitirán gañar zonas verdes na Alameda Rosalía de Castro. O proxecto, elaborado polo estudo de arquitectura Gándara e Pons, redefinirá o espazo e a súa contorna “nunha obra longamente demandada pola veciñanza de Chapela”.
O proxecto contempla o mantemento da zona infantil que modificará exclusivamente o valo perimetral para favorecer o acceso dende a zona norte “ao constatar o estudo previo un bo estado de conservación dos elementos que conforman o parque”. A renovada alameda, como centro neurálxico de convivencia, mellorará o uso público da zona. Instalaranse zonas de sombra con estruturas de aceiro negro e cubertas téxtiles especificamente deseñadas para resistir as condicións atmosféricas de exterior e, para maior seguridade das persoas usuarias, tratadas con aditivos antiraios UVA para filtralos ao máximo e ofrecer a máxima protección.
Para facer os itinerarios de peóns máis accesibles, utilizaranse pavimentos táctiles que servirán para “orientar, dirixir e advertir ás persoas cegas sen que iso constitúa nin perigo nin molestia para o tránsito”.
Este pavimento táctil de material antideslizante empregarase por primeira vez en Redondela e “permitirá una fácil detección e recepción de información mediante o pe ou o bastón branco por parte das persoas cegas” explicou a alcaldesa Digna Rivas.
Unha obras que, engadiu Rivas, “van máis aló dun simple lavado de cara e buscan a transformación dos espazos para o seu goce por parte da cidadanía e a mellora da súa calidade de vida”.
Ás obras da alameda de Chapela engadiránselle en breve as de remodelación do campito e a creación do skatepark no final da Vía Verde “dúas actuacións que seguirán transformando Chapela e ofrecendo espazos de lecer para todas as idades”.