A vicepresidenta da Asociación de Empresarios entende que a elevada presenza de turistas e visitantes que pasan por Redondela -120.000 persoas no 2022- fai preciso que o sector do aloxamento oferte máis prazas e que o faga dun xeito máis profesional. Por ese motivo, teñen en marcha un programa conxunto cos traballadores do sector turístico cuxas primeiras accións se centran en dar a coñecer os atractivos do noso concello para que saiban como transmitirllos aos seus clientes.
O sector do aloxamento en Redondela ten experimentado un notable crecemento nos últimos anos, con todo, aínda hai marxe para novos negocios dedicados a aloxar non só peregrinos senón turistas que chegan ao marxe do Camiño. Actualmente figuran rexistradas 110 actividades de aloxamento das cales o 75% son Vivendas de Uso turístico (VUT), que representan un 41% da oferta de prazas de aloxamento, unha porcentaxe que está 3,61 puntos por encima da media Galega o que amosa unha maior dimensión deste tipo de aloxamento no municipio. Albergues e pensións concentran o 40% das prazas de aloxamento da localidade mentres que segue a ser pouco significativa a oferta de cama en hoteis, que cubren tan só o 2% das prazas existentes.
Dende a Asociación de Empresarios están a traballar con este sector dunha forma coordinada, poñendo sobre a mesa diferentes iniciativas que buscan que estes profesionais poidan atender da mellor maneira a eses visitantes, dándolle a coñecer os atractivos turísticos que ten o noso concello. O obxectivo último é que o turista teña unha experiencia positiva que o leve a quedar e facer noite en Redondela e que se converta tamén nun presciptor de cara a recomendar o noso concello a potenciais visitantes.
A primeira das iniciativas foi un roteiro profesional guiado por Soledad Chayán no que participaron persoas empresarias e traballadoras do sector turístico, quen recibiron información de primeira man para poder así achegarlles aos seus clientes todos os recursos turísticos do municipio, así como a gran importancia do valor patrimonial e histórico dos distintos elementos e lugares en Redondela.