Un número de baile aéreo deu paso á queima do Meco
Como marca a tradición o Martes de Entroido tivo como acto central a Queima do Meco, unha figura que quixo ser un berro de Non a guerra e que representaba ao presidente ruso subido a un carro de combate. Figura que quedou reducida a cinzas tras ser devorada polo lume nunha xonrada festiva que congregou en Redondela a centos de persoas. A tirada de fogos de artificio e a música na rúa puxo o punto final aos actos do carnaval no centro da vila. A despedida oficial será o sábado en Chapela co Enterro do Berete.
Unha performance artística a cargo de Pablo Méndez cun espectáculo aéreo de baile iniciaba o acto central da xornada e daba paso ao xa mítico berro de “Lume, lume, lume!” que prendía na figura do Meco, un Vladimir Putin que durante toda a semana anterior permaneceu as portas do concello. Unha figura que non foi indultada e que quedou reducida a cinzas tras un manifesto de Non a guerra: “ Soan as sereas, alertan á poboación, dun novo ataque da aviación no que só quedará destrución, morte e desolación. Putin quere guerra, ten moitas bombas na despensa, máis lle valería enchela de comida en vez de tanques que só deixan miseria. Lume á guerra – Lume aos tanques- Lume aos malos gobernantes – Lume, lume, lumeeee!”.
Os fogos de artificio poñían o final a unha xornada que arrancaba co desfile e concurso de disfraces individual, de parellas e grupos que tiña lugar a media tarde na rúa Alfonso XII. Unha agrupación formada por unha nutrida representación de personaxes da popular serie “Miércoles” e unhas “Medusas guerreiras” levaron o primeiro e segundo premio na categoría de grupos, mentres que “Manos a la obra” se levaba o primeiro premio na categoría de parellas. Recibía tamén un dos premios a “Raiña Isabel II” na categoría individual.
Un Martes de Entroido que arrancaba con menos animación do habitual na rúa, menos comidas e menos xente que si se animaron xa a partir da tarde e que encheron o centro da vila para ver a queima do meco cando comezaba a anoitecer. A xornada rematou coa música que animou a rúa dende a discoteca móbil Duendeneta.
A despedida do Carnaval 2023 será xa o vindeiro sábado en Chapela. Ás 17 horas terá lugar a concentración de comparsas no Alto da Encarnación. A Asociación de Percusionistas e Tamborileiros ‘Aperta’ acompañará á comitiva fúnebre que partirá ás seis da tarde en dirección á Praia de Arealonga onde terá lugar a Queima do Berete ao redor das 20.30 horas. Pola noite, no Paseo Marítimo de Chapela actuarán a orquestra Grupo América de Vigo (21 horas) seguida de DJ Charlie a partir das 00:00 horas.