Unha noite intensa para a Policía Local que tiveron que atender un elevado número de chamadas de veciños e veciñas que protestaban polo elevado ruído dos grupos de mozos que ateigaron as rúas, sobre todo durante a noite. Explican os axentes que malia o reforzo especial por tratarse dunha das noites máis movidas do ano, se lles fixo complicado atender todas as denuncias veciñais e desprazarse aos puntos nos que a aglomeración de xente, nalgúns casos incluso con música, impedían o descanso dos residentes.
Curiosamente, durante a tarde todo apuntaba a que sería unha xornada tranquila, xa que parecía que a afluencia de xente durante o día era menor que outros anos. Sería a partir das horas nocturnas cando se incrementou notablemente esa presenza de xente moza, converténdose nun dos martes de entroido máis movidos dos últimos anos.
Con todo, o peor da xornada chegou a través dunha chamada do 112 quen alertaba a policía local dunha liorta nunha vivenda do casco urbano. Unha vez no lugar os axentes da policía local procederon a deter un varón por un presunto delito de violencia de xénero que se tería reproducido tras unha discusión entre unha parella en presenza dos seus fillos menores. Procedeuse á detención do varón e ao seu traslado a comisaría.