Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O exneonazi David Saavedra alerta ao alumnado do IES de Chapela sobre os perigos da radicalización

IES chapela

O autor do libro “Memorias de un exnazi: veinte años en la extrema derecha española” compartiu a súa experiencia co alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato incidindo na necesidade do pensamento crítico para facer fronte á radicalización.

O galego David Saavedra, narrou a súa experiencia de máis de 20 anos introducido nos círculos da extrema dereita española, facendo un percorrido polo proceso que o levou a radicalizarse durante a adolescencia abrazando a ideoloxía nacionalsocialista, reflexionando sobre as semellanzas do pensamento radicalizado de distintas ideoloxías e como isto leva a anular o pensamento crítico.

Saavedra explicou ao alumnado como, a partir do seu interese pola Segunda Guerra Mundial, foise introducindo nos círculos do pensamento nacionalsocialista na súa adolescencia, e como en moitos casos a actitude de ridiculización e rexeitamento das súas ideas por parte dos demais reforzou a súa radicalización. Posteriormente, o autor de “Memorias de un exnazi” debullou a súa evolución desde a creación dunha web de defensa desta ideoloxía en Galicia, o seu traslado a Madrid para enrolarse en círculos da extrema dereita máis consolidados e a súa militancia no partido de extrema dereita “Alianza Nacional”, antes de que a súa inquebrantable adhesión a esa ideoloxía comezase a rachar ao xurdirlle dúbidas sobre algunhas das súas formulacións.

Tras explicar o difícil proceso que lle permitiu “retornar” desde a plena radicalización ideolóxica cara a un pensamento crítico e aberto a modificar o seu punto de vista sobre diversas cuestións, Saavedra ofreceu un amplo período de preguntas que levou a exceder a duración prevista perante o aluvión de cuestións formuladas, pechando unha xornada que deixou patente a conexión que logrou o autor galego co alumnado presente na actividade.

A charla reuniu a un cento de alumnas e alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato que asistiron á conferencia dun autor xa coñecido para moitos deles pola súa aparición en entrevistas televisivas como a que protagonizou no programa de Jordi Évole ou a que fixo na Rede co coñecido streamer Jordi Wild.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará