A concelleira de Urbanismo, María Castro, explica que a adhesión do Concello de Redondela ás subvencións Ágora da Deputación permitirá afrontar diferentes actuacións que buscan a recuperación do espazo público apostando por un novo modelo de mobilidade. Neste sentido, estas axudas serven para que os concellos redacten proxectos para recuperar a súa contorna urbana e núcleos rurais potenciando as mobilidades activas sobre as motorizadas.
Redondela recibiu nove subvencións que superan os cen mil euros e que permitirán redactar proxectos de mellora tanto no ámbito urbano como no rural. En todo caso son actuacións que buscan recuperar espazo para o cidadán.
Nunha primeira fase o Concello recibiu tres subvencións que serviron para redactar o proxecto de creación dunha área de espazo público na contorna do CEIP Porto Cabeiro, para o proxecto de recuperación de espazo amable no centro de servizos de Cedeira e para a contorna do Torreiro do Viso. No caso de Cedeira a zona a remodelar “está cargada de patrimonio cultural coa Igrexa, o Cruceiro ou a fonte de San Andrés xunto co colexio de Cedeira, quérese crear un espazo de calma pensado para a convivencia e unha mobilidade moito máis sustentable”.
Tres proxectos que veñen de ser completados con outros seis que abordarán a reurbanización da rúa Prego de Montaos, o camiño escolar de subida a Portocabeiro, a recuperación da contorna da Igrexa de Tramaño, a reurbanización da rúa Muro, a creación dun espazo peonil na contorna da igrexa de Ventosela e a reurbanización da rúa das Cardosas, a rúa Salgueiral e a súa continuación pola avenida.