A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), organizan a XIV Xuntanza de Mulleres o vindeiro día 26 de marzo. Nesta ocasión as participante farán unha excursión a cidade da Coruña. A actividade ten un prezo de 30€ para as mulleres empadroadas no Concello de Soutomaior e de 35€ para as non empadroadas.
O percorrido inclúe unha visita ao balneario da casa da auga e un xantar nun restaurante da cidade. Ao rematar darase un paseo pola mariña e a praza de María Pita. A media tarde collerase o autobús para facer a última parada no mercadiño de Barro.
Como en anos anteriores, un autobús sairá ás 8:15 desde a casa do Concello e outro ás 8:30 desde o cruce de Pierres en Arcade. Para a Casa da auga compre levar traxe de baño, gorro e chanclas.
Desde a concellaría de igualdade salientan a importancia destas xuntanzas que serven para unir á cidadanía fortalecendo ou creando novos lazos de amizade e redes de convivencia.
As inscricións están xa abertas e pódense facer en liña a través da páxina web do concello ou de xeito presencial acudindo as oficinas do CIM, no edificio Multiúsos de Arcade os mércores ou venres, na Casa do Concello ou ben chamando por telefono ó 986 701 227.