A alcaldesa Digna Rivas reivindicaba no acto institucional polo 8M a necesidade de traballar “todos os días do ano” para lograr unha igualdade real. Un acto que o mal tempo obrigaba a trasladar ao Multiúsos da Xunqueira e que arramcaba coa intervención da concelleira Iria Vilaboa lembrando que “dende o goberno local seguimos loitando para que a igualdade sexa real e efectiva”. Paula Amoedo, Cruz Bastos e Lorena Rodríguez, participantes do programa de Radio Redondela “As mulleres contan. Percorrendo camiño” eran as encargadas de poñer voz ao manifesto institucional.
Paula Amoedo comezaba lembrando que malia os avances das últimas décadas aínda quedan moitas reivindicacións pendentes: o recoñecemento das mulleres do rural como piar fundamental para evitar o despoboamento, a necesidade de que as mulleres copen postos nas administracións das empresas ou nos eidos científicos “onde seguimos a estar infrarrepresentadas”. Tampouco esquecía os colectivos máis vulnerables “onde as mulleres atopan unha múltiple discriminación”.
As palabras de Cruz Bastos servían para poñer o foco nun “sistema patriarcal que as veces funciona de xeito moi sutil”. Salientaba as diferenzas que manteñen en posición de discriminación ás mulleres “mentres esas situacións discriminatorias non se solucionen non estaremos avanzando como sociedade”.
Facía fincapé tamén a necesidade de ter unha sanidade que incorpore o enfoque de xénero e non deixou de lado a necesidade de seguir loitando para erradicar unha violencia de xénero que nos segue a asasinar.
A lectura de Lorena Rodríguez centrábase nos compromisos da corporación “intensificando esforzos e incorporando a perspectiva de xénero en todas as áreas de política local”.
Digna Rivas agradecía a presenza das Sarillas, o grupo de veteranas da SAR que “están a levar o nome de Redondela por toda España” así como das mulleres participantes no programa radiofónico “As mulleres contan. Percorrendo o camiño”, un programa que puxo como exemplo de que reivindicar a igualdade e visibilizar ás mulleres “non é cousa dun só día” lembrando que este espazo radiofónico “xa levou aos micrófonos de Radio Redondela a máis de trinta mulleres que representan diferentes sensibilidades, diferentes sectores e diferentes experiencias”.
Insistía tamén na súa intervención que “a loita pola igualdade non poden quedar cinguida a un so dia, por iso dende este goberno reivindicamos a muller todos os días do ano, traballando a prol da igualdade, cun compromiso irrenunciable: lograr con todas as medidas que temos a noso alcance acadar unha igualdade real e efectiva como única forma de conseguir unha sociedade máis xusta”.
Remataba a alcaldesa convidando a veciñanza a participar nos actos reivindicativos que a Asemblea Feminista Paxaretas convoca para esta tarde. Unha concentración que está previstas para as 20:00 horas na praza da Constitución no caso de que o tempo o permita e que, en caso de manterse as precipitacións trasladaríase aos soportais do Concello.