A Banda de Música estreará unha peza en homenaxe a Bastos
O acto celebrarase o vindeiro domingo ás 18:00 horas no Multiusos de Chapela e quere ser un recoñecemento á súa dedicación e traballo pola música e a cultura da parroquia. Estrearase unha peza musical que leva o seu nome obra do compositor e director da Banda de Música, András Álvarez. O que fora presidente da entidade e concelleiro de Redondela, Alejandro Bastos faleceu en novembro de 2021 aos 67 anos de idade.
O compositor e director da Banda de Música de Chapela, Andrés Álvarez, foi o encargado de compoñer un pasodobre marcha que se presentará ao público co gallo da homenaxe a Bastos. Dende a Asociación queren recoñecer a entrega de Alejandro á Asociación Cultural e Social de Chapela, como fundador e promotor das distintas iniciativas e formacións que naceron baixo a súa dirección como a Escola de Música, os diferentes grupos de música e baile tradicional, entre eles o grupo de Baile “Fonte D`Ouro”, as Pandereteiras “Semente Nova” e o grupo de gaitas “Os Xuveniles”. Unha época na que nacía tamén a Banda de Música de Chapela e a coral “O Piñeiral”.
No que se refire a grandes eventos estivo á fronte da organización do primeiro festival do dia da Muñeira, o festival de Bandas de Música, que este ano celebrou a súa 26 edición, só interrompido nos anos de pandemia, varios festivais de rondallas ou a festa dos maios así como a dinamización da cultura da parroquia cunha extensa programación cultural sempre cunha gran presenza de público e participantes.
O acto homenaxe contará coas actuacións da Coral “O Piñeiral”, as pandereteiras “Semente Nova”, o grupo de gaitas “Os Xuveniles” e pechará o acto a banda de de Música de Chapela que será a encargada de facer a presentación de pasodobre Marcha que levará o seu nome.