O conxunto de David Pérez sumaba esta fin de semana un novo revés e afúndese na última posición da táboa na Terceira División. Ante un rival directo como é o Barco, os redondeláns encadearon a súa cuarta derrota consecutiva, un resultado que complica cada vez máis a súa permanencia na categoría.
Choco 0-2 Barco
Os locais fixeron méritos para colleitar un mellor resultado nun encontro que arrancou con ritmo e con achegamentos a ambas áreas. De feito, Adri tivo aos dez minutos unha gran ocasión pero non logrou que a xogada rematara en gol.
Cando o Choco parecía que se facía co mando do partido, un mal despexe de Kopa permitiu aos visitantes recuperar o balón que Hualde non desaproveitou para bater a Cortegoso e inaugurar o marcador. Con todo, os choqueiros seguiron tentándoo ata o descanso pero sen achegamentos claros.
Nada máis arrancar a segunda parte Ales Rey aproveitou un lanzamento de falta directo dende a frontal para asinar o 0-2 definitivo malia os intentos dos pupilos de David Pérez por marcar.
Na vindeira semana o Choco xoga no campo doutro rival directo, o Paiosaco, terceiros pola cola.
Na Segunda Galicia unha de cal e outra de area para os equipos locais. Así, o Soutomaior perdía nun partido disputado na casa e no que o Amencer logrou o único tanto do encontro.
Soutomaior 0-1 Amanecer
Derrota pola mínima para o Soutomaior que se mantén como segundo clasificados, só por baixo do Marcón, líder indiscutible nestes momentos na segunda Galicia. Na vindeira semana o Soutomaior ten a priori un partido doado, xogan fora da casa pero contra un dos equipos da parte baixa da táboa, o Figueirido.
Si houbo celebración no campo do Cesantes que lograba a vitoria ante o Combarro.
Cesantes 3-1 Combarro
Boas sensacións para afrontar o partido que na vindeira semana vainos levar ao campo do cuarto, o Bueu.