Pizza, melón con xamón, ourizos de piña, xamón e queixo son algúns dos pratos que prepararán os nenos que participan no curso de cociña organizados pola Concellería de Servizos Socias e Igualdade.
Hoxe arrancou o curso de cociña para nenos de entre oito e doce anos que puxo en marcha o Concello de Redondela. Unha xornada na que os cativos tomaron contacto coa cociña preparando ovos recheos e rosquillas. A encargada de impartir o curso é a cociñeira profesional Elena Argüello, que cualificou de moi satisfactoria a primeira das tres xornadas que vai ter de duración este curso no que os rapaces achegaranse ao mundo da cociña preparando pratos sinxelos, saudables e que despois poderán elaborar nas súas casas. Durante o primeiro día desta actividade os nenos amosáronse moi atentos e interesados, tomando nota dos detalles da receita. O premio final, tras dúas horas cociñando, foi a degustación dos pratos preparados. O curso ten como obxectivo iniciar aos rapaces nos bos hábitos alimentarios, fomentar a igualdade entre nenos e nenas e trasladarlle a importancia de compartir as tarefas do fogar. Pero sobre todo, segundo apuntaba Elena Argüello, inculcarlles o beneficioso que é a inxesta de verduras para o seu crecemento e tentar que cada vez lles sexan máis atractivas. O curso, que se está a impartir no Multiusos da Xunqueira de 10.00 a 12.00 horas, finalizará o mércores 12 de agosto. Despois será a quenda dos máis cativos, nenos de entre catro e oito anos.