O CD Choco enfrontábase a fin de semana pasado ao Fabril, líder da categoría, cun resultado de 0-1 e sen conseguir rascar un punto para o casilleiro. Esta supón a sexta derrota consecutiva para o equipo, un duro golpe que os sitúa no descenso matemático.
David Pérez incorporouse como adestrador para a segunda volta da tempada e recoñece o mérito que ten o CD Choco por permanecer 10 anos en Terceira RFEF e, sobre todo, por estar sempre conformado maioritariamente por deportistas redondeláns que comezaron no club dende a base.
O ano que vén xogarán en preferente, pero Pérez asegura que nestes momentos están centrados exclusivamente nos 4 partidos que quedan para rematar a tempada. O obxectivo agora é competir e adestrar o mellor posible demostrando con dignidade a profesionalidade dos deportistas do equipo e deixar a un lado os resultados da clasificación.
De momento non se concretaron os cambios que van a levar a cabo despois do descenso e poden esperarse mudas de todo tipo, tanto na plantilla como no corpo técnico. David Pérez agradece o apoio da afección, porque “é nos momentos duros onde se demostra a implicación da xente no deporte”.
O seguinte partido é o 1 de abril contra o Arosa SC.