A sentencia condena a entidade bancaria a devolver os 945 euros que lles foran subtraídos a Yolanda Alonso da súa contra a través dunha serie de importes que foron transferidos por Bizum por unha terceira persoa non autorizada polos titulares da conta. Malia que un dos titulares si facilitou os seus datos tras recibir un SMS enganoso, entende a sentenza que hai outros condicionantes que non garante a seguridade da banca telemática polo que se condena a Abanca a devolver a cantidade reclamada.
Explica a afectada que si incorreron como titulares dunha conta bancaria no erro de facilitar as contrasinais que lles solicitaron a través do que pensaron que era o canal do propio banco “a persoa que facilitou as claves pensou en todo momento que se trataba dunha petición da propia entidade”.
Os estafadores actuaron rapidamente e fixeron un total de sete bizums por valor de diferentes reintegros de entre 120 e 150 euros cada un. En total retiráronlle da conta preto de mil euros que a entidade bancaria negouse en todo momento a devolver malia a petición da afectada.
Ante o que entendía era unha inxustiza “xa que os bancos teñen que poñer os medios para evitar que os seus clientes sexan estafados desta maneira” iniciou un longo periplo que a levou a consultar con numerosas asociacións. Ante a falta de solucións finalmente Yolanda Alonso decidiu recorrer aos xulgados. Era consciente do complicado que era que un xuíz lle dera a razón pero, aconsellada polo seu avogado e baseándose en diferentes sentenzas, decidiu ir a xuízo “tamén pola impotencia de sentir que te poden estafar e que non tes forma de loitar polo que é teu”.
Finalmente a afectada recuperará o que lle roubaron porque, tal e como se recolle na sentencia ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución n.º 2 de Redondela que estima integramente a demanda formulada, condénase a Abanca restituír os case mil euros ao seu cliente vítima dun ataque de phishing “a vista das probas non se pode concluír que os afectados actuasen con neglixencia grave” e insiste en que “en ningún caso recibiron comunicación dos cargos que se estaban a facer a través dunha serie de pagos vía Bizum nin se lle requiriu o seu consentimento para facelo”.